Lara Méndez: “Unha das leccións da pandemia é a necesidade de reforzar a sanidade pública e a investigación”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañou esta mañá ao seu homólogo do Concello de Ferrol, Angel Mato, ao conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña, e a unha representación das dúas corporacións municipais na entrega da distinción de Ferroláns do Ano, que se celebra con motivo do San Xiao, e que nesta ocasión recaíu ao persoal da área Sanitaria de Ferrol, que traballou en primeira liña contra a COVID-19.

Lara Méndez destacou a amizade que une aos municipios de Lugo e Ferrol desde hai máis dun século e os lazos de irmandamento das dúas ciudades, lazos que este ano celebran o seu vinte aniversario. “É un verdadero honor compartir co pobo ferrolán esta sentida homenaxe ao papel que xogou o persoal da nosa sanidade, que ten atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios nesta crise que tantas vidas deixou no camiño”. Neste sento, comentou que tamén Lugo recoñecerá o seu papel coa entrega das Medallas de Ouro da cidade.

A pandemia, incidiu, “cambiou a nosa forma de vida, pero tamén nos ensinou leccións importantes e fíxonos recuperar valores esenciais. Aprendemos que traballando xuntos podemos superar máis e mellor os obstáculos e hoxe sumámonos a este aplauso colectivo para estes profesionais aos que desde as nosas fiestras e balcóns agradeciamos o seu labor, tarefas que, en moitos casos, chegaban incluso a exceder a súa responsabilidade profesional”.

A rexedora lembrou que hai apenas tres meses, durante o día de Ferrol no San Froilán, tanto ela como Angel Mato tamén reivindicaron o papel dos municipios na loita contra a Covid-19. “Nun momento tan complexo, os concellos desenvolvemos desde o primeiro momento e estamos aínda a executar un papel determinante tanto na contención da pandemia como implementando medidas para paliar a crise social e económica derivada da emerxencia sanitaria”, actuando, dixo, “con recursos propios, en moitos casos cubrindo déficits doutras administracións”.

Durante esta pandemia, comentou a rexedora, “a sociedade comezou un proceso de transformación, e das leccións que nos deixa esta crise destaca a necesidade imperiosa de reforzar o público, a nosa sanidade, a ciencia e a investigación, porque sen eles e o seu esforzo global non poderíamos forxar a saída do túnel que estamos xa a ver grazas a vacinación da poboación”.

“Durante todos estes meses, os axentes sanitarios e os investigadores estiveron a traballar nunha situación de estrés permanente, protexendo, salvando vidas e buscando solucións, que chega da man das vacinas, acadadas nun tempo récord”, sostivo.

Pero a COVID deixa máis mensaxes, segundo a rexedora, xa que “as súas consecuencias evidencian as nosas debilidade e obrígannos ás administracións e á toda a sociedade a repensar o futuro, a adiantarnos e a traballar non para conseguir a normalidade antes da pandemia, senón unha nova normalidade onde salgamos reforzados”.

Neste senso, destacou como prioritario a construción de “cidades resilientes e máis verdes, maiores e mellores conexións terrestres e dixitais e o impulso a diversificación de sectores que dinamicen a economía, claves nas que están xa a traballar Lugo e tamén Ferrol”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com