A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez visitou hoxe as instalacións do parque de Bombeiros do concello para coñecer as últimas adquisicións que o goberno local fixo para o corpo de extinción de incendios. O concello de Lugo, segundo resaltou a rexedora, leva investido un millón e medio de euros desde o comezo da lexislatura. Entre o acopio de material atópase un camión escada ou unha furgoneta mixta.
Así mesmo, tamén se acondicionou a torre de prácticas, instaláronse extractores de gases nos camións e adquiriuse un armario para as recargas de botellas de respiración, por uns 130.000 euros. A maiores, renovouse material para o ximnasio (10.000 euros), compráronse sillas para o comedor (2.000 euros), e actualizouse o vestiario (30.000 euros). O Concello tamén adquiriu un vehículo autobomba nodriza pesada para exticinción de incendios e salvamento, valorado en 340.800 euros. Este vehículo incorporarase ao parque móbil dos bombeiros a finais de ano, e con este serán 9 automóbiles cos que contarán os 41 profesionais deste servizo municipal. Asemade o concello investiu tamén na formación dos actuais bombeiros.
“Dotar ao equipo de bombeiros de mellores instrumentos, material e formación é dotar ao veciño de máis seguridade”, asegurou na visita a Alcaldesa, quen definiu ao corpo de bombeiros como un servizo esencial, non só para o Concello, senón tamén para a cidadanía. Méndez adiantou, ademais, que o goberno local seguirá mellorando as condicións do parque, así como a actualización do material, como novos equipos de excarcelación.
A rexedora asegurou que o Goberno traballa para sacar a concurso 12 prazas para o corpo municipal (pertencentes á oferta de mprego público do 2015 e 2016) antes de que remate o ano. Tal e como indicou Méndez, as bases xa están elaboradas, e estanse ultimando os trámites administrativos para convocar estas prazas de bombeiros.