Lázare hónrame convidándome a que presente a súa exposición, e a min compráceme darvos a benvida e presentarvos ao pintor e a súa obra.
Este rapaz, sempre ilusionado e supoño que nervioso porque vexades e comentedes a obra que nos ofrece, chámase Jesús López Lázare, aínda que como Lázare conocémolo todos os amigos e os devotos da súa arte. É lucense, da colleita de 1960, e o de pintar naceu e medrou con el, aínda que para perfeccionalo estudou na Escola de Artes Ramón Falcón. E xa de moi novo, empezou a visitar o taller do vilalbés López Guntín, que era un xenio e, para os que saben escoitar e ver, o contacto cun xenio ten que producir algún dos efectos beneficiosos que notamos na obra personal, galega, racial deste Lázare modesto que medra sen darse conta, que nos gusta cada día máis, e falo da súa arte e tamén do seu xeito de ser que aínda que presumira algo máis da súa obra, seguiriámolo querendo igual.
Ten exposto en Lugo, Vilalba, Sarria, Monforte, A Coruña e Aranda de Duero. En Lugo xa o fixera na sala da Xunta, na da Deputación, e agora na do Concello. E deixei adrede a súa exposición na Casa de Galicia en Madrid, auténtica pica na capital das Españas, onde tamén me permitiu presentar aos asistentes unhas obras personais e universais, que por reflectir anacos de vida nos chegan directamente ao corazón e a alma.
E agora a obra de Lázare conquístaranos, de novo, aos seus devotos, nun tan especial recinto que – sendo concebido como lugar pechado para pechar vidas – é agora lugar para abrir os ollos e as intelixencias a mundos libres; mundos nos que podemos entrar coas sensibilidades especiais do ser humano, sentidos que non se corresponden con ningún órgano físico.
Hónrame presentarvos a Lázare, o amigo pintor, que pinta almas coa súa alma, que pinta vidas cos seus pinceis, precisamente no que chamamos “Vello Cárcere” para non esquecer o papel que este edificio desempeñou durante moito tempo, transformado en pacífico soporte de cultura e de arte para o noso ben e para todos os que veñan despois de nós.
Sabemos que os artistas son xente especial dotados de “poderes” capaces de transformar a materia inerte en arte viva; marabillosos magos que dun lenzo fan brotar imaxes que nos conmoven e nos asombran; que nos producen unha satisfacción permanente e indescritible. Pois eu, sen máis, preséntovos ao grande artista Lázare, debuxante, pintor, creador de imaxes irrepetibles, nosas, ao noso xeito; que responden á perfección o que nós amamos da arte, que vai pola vida disfrazado de home normal, ocultando o seu especial poder, como un heroe de ficción que quere e consegue pasar desapercibido. Lázare, o pintor amigo de todos nós.
A foto é un autoretrato do pintor