Lembrando a Domingo Goás Chao

Este venres, os medios dixitais foron facéndose eco do pasamento de Domingo Goás, entre eles o blog “Es de Vilalba se…” de Carlos López Ferreiro,  que de seguido se foi enchendo de condolencias de numerosos vilalbeses. Unha, a de Tita Criado: “Domingo, nunca te olvidaremos. Que el Señor colabore contigo como tu lo hiciste con nosotras en el Asilo. Te queríamos. D.E.P.”

Falaba da xenerosidade de Domingo cos que atenden aos que necesitan axuda. E aí temos dous dos nortes de Domingo: a querencia por Vilalba e a xenerosidade sen límites… nortes aos que hai que unir o espírito de familia, ascendente e descendente… polos seus país, polos que sentía adoración; polos fillos, polos netos e por ese amor a Lotti, a súa muller, que superou todas as dificultades… a devoción polos amigos e pola amizade… a franqueza na exposición do seu pensar (Velaí o seu libro “por qué nunca fui de izquierdas, ni de derechas pero si liberal”)… a valía profesional pola que conseguiu ser o primeiro avogado en rebasar numerosas fronteiras… Ei o seu libro “Una aventura europea”… O seu terceiro libro, a historia de Romualdito, presentámola no Parador hai 17 días.

Esa conxunción de fervores temos que poñela hoxe de manifesto, na súa despedida física, precisamente na Vilalba dos seus amores, na que veu morrer para fundirse de novo co pobo e connosco; para completar un circulo que se comezou a trazar en 1935 e se pechou inopinadamente nunha xornada tamén de lecer e amizade, para nese círculo concentrar unha vida plena de formación e traballo, de viaxes e conversas, de amor e amizade, de intensa dedicación.

Domingo sempre foi consciente de que o seu corazón andaba errático desde os primeiros tempos da súa vida pola enfermidade que daquela o respectou e que este venres nolo arrebatou, e en todos os momentos desa vida demostrou que un corazón feble pode ser un fortísimo corazón… por iso despedimos un home que foi todo corazón. Despedimos ao –por riba de todo vilalbés- Domingo Goás Chao, aproveitando as palabras de Tita Criado desexando que o señor colabore con el, como el colaborou a facer familia, a facer amigos, a facer empresa, a facer xustiza, a facer Vilalba. Descanse en paz.

domingo_goas_chao

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com