Liberata Rolán ten 95 anos. Chegou a Lugo dende Alemania en 1982 e, dende entón, residiu sempre no Sagrado Corazón. Cando se enterou de que o seu barrio contaría cun ascensor urbano para mellorar a accesibilidade da contorna, fíxolle chegar a alcaldesa o seu desexo de ser a primeira persoa en estrealo. E esta mañá, Liberata inauguraba xunto a Lara Méndez o novo elevador, antes de poñelo a disposición de toda a veciñanza.
“O que para Liberata se converteu nun sono cumprido para min supuxo a consecución de todo un reto persoal que esixiu innumerables trámites, segregación de terreos incluída, pero que hoxe é xa unha realidade”, destacou a rexedora.
Lara Méndez explicou que a dotación entraba en funcionamento esta mañá despois da incorporación dalgunhas melloras sobre o proxecto inicial, suxeridas pola veciñanza que levan 12 anos esperando por unha estrutura prometida por anteriores gobernos locais en repetidas ocasións
O ascensor, ao igual que o das Fontiñas, ten formato panorámico, posibilitando as vistas dende o interior. “Escolleuse unha estética fermosa e moderna que se integrara ben na paisaxe e que fixera agradable tamén a súa utilización”, destacou a primeira edil.
Segundo a alcaldesa, a instalación, na que se investiron 240.000 euros, “beneficiará, sobre todo, ao milleiro de habitantes que residen nesta parte da capital, contribuíndo a incrementar a súa comodidade e a calidade de vida, especialmente dos maiores, aínda que tamén reverterá no resto de usuarios que acoden ao CEIP, ao ambulatorio e ao centro de convivencia ou que frecuentan outros servizos básicos dos que dispón a contorna”.
A rexedora lembrou que as obras comezaran en abril, coa derruba da escalinata, habilitada novamente o pasado mes de decembro conforme un sistema de chanzos de 3+3 tramos que reduce o desgaste físico que conleva subilas.