O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a licitación da primeira fase da conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria e das obras da vía de alta capacidade Tui-A Guarda entre a A-55 e o enlace de Areas.
No tocante á conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria, Feijóo precisou que esta primeira fase, que afecta ao tramo entre Pobra de San Xiao e Sarria centro, nos concellos de Sarria e do Páramo, contará cun investimento de máis de 24,6 millóns de euros, coa previsión de que se poida iniciar a execución das obras a mediados de 2020. E implicará a construción dunha nova calzada en sentido Pobra de San Xiao-Sarria, pasándose dunha calzada de dous carrís a dúas calzadas de dous carrís por sentido, mantendo o trazado existente.
Logo de destacar que a obra permitirá facer o percorrido máis seguro e máis rápido, xa que conta cunha velocidade de proxecto de 120 quilómetros por hora, o titular da Xunta afirmou tamén que o proxecto inclúe a adaptación dos enlaces da Pobra de San Xiao, Sarria norte e o enlace de Sarria centro, ademais de prever a adaptación dos pasos Inferiores.
Así mesmo, e paralelamente ao inicio da primeira fase, avanzarase na redacción do proxecto da segunda fase entre Láncara e Nadela. Cómpre salientar que a vía de altas prestación Lugo – Sarria – Monforte, cuxo último treito se puxo en servizo en novembro de 2015, permitiu completar a conexión da cidade de Lugo co sur da provincia. Con ela, Lugo e a capital de Lemos quedaron conectadas nuns 45 minutos, grazas a un investimento de 135 millóns de euros dende o ano 2009.
por outra banda, o presidente da Xunta asegurou que a licitación da obra do inicio da VAC Tui-A Guarda e o seu enlace coa A-55 e o Polígono de Areas, por un importe de 21,2 millóns de euros, permitirá mellorar a conexión das empresas deste polígono tanto coa Guarda como con Vigo e Portugal a través da A-55, dando plena funcionalidade ao conxunto desta infraestrutura.