Licitado en preto de 100.000 euros o contrato para eliminar a vexetación da Muralla de xeito manual

A Consellería de Cultura e Turismo licita hoxe o contrato para eliminar de xeito manual a vexetación dos paramentos da Muralla de Lugo, ao que destina un orzamento de 96.781 euros.

As técnicas que se aplicarán son respectuosas co monumento e co medio ambiente, xa que evitan o emprego de maquinaria ou de produtos químicos que poidan resultar agresivos tanto para os lenzos da Muralla como para a fauna que os habita. Neste sentido, o contrato prevé a elaboración dun informe avaliativo sobre a presenza de cirrios, aos efectos de iniciar os traballos de poda cando xa non afecten a esta especie. O prazo de execución será de catro meses e medio.

Paralelamente, a Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración co Campus de Lugo, continúa testando a eficacia dos bioherbicidas. Unha das principais conclusións do traballo realizado neste último ano apunta a que os resultados son positivos no que se refire ao control da xerminación da Parietaria judaica, a especie máis abundante nos paramentos da Muralla.

Aínda que existe unha moratoria para a aplicación do glifosato como tratamento fitosanitario, a Consellería desbotou o uso deste herbicida para o control da flora vascular da Muralla. Por elo nos últimos anos, e no marco das actuacións de conservación, estanse desenvolvendo traballos de investigación coa finalidade de empregar produtos máis respectuosos co medio ambiente e que resulten igualmente eficaces para a conservación dos lenzos.

O contrato tamén prevé que se executarán outros traballos de conservación en solados, fábricas e albardillas, e de restauración puntual de elementos como revocaduras ou varandas, que sofren o desgaste propio do intenso uso do monumento e de factores como a climatoloxía, a contaminación ou os actos de vandalismo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com