Esta fría maña de decembro abrín o WhatsAapp e puiden ler, incrédulo, a información da túa marcha, do teu pasamento, pero equivocábanse porque ti non te irás nunca, ficarás connosco, para sempre, nas nosas lembranzas e nos nosos corazóns.
No entanto galopan na miña memoria milleiros de recordos, mais lembro nidio a túa chegada a Lugo para traballar en RNE; eu xa sabía de ti polo noso común amigo Miguel Mato, compañeiro teu no grupo poético De Amor e Desamor. Deseguida puiden comprobar o que el me contara de ti, a forza do teu espírito e a inquedanza por facer cousas, por artellar actividades a prol da nosa lingua e a nosa cultura.
Véñenme a memoria as viaxes que fixemos aos Galeuska de Palma de Mallorca e Bilbo; para esta último argallamos ir os dous en coche en paga de ir no autobús con todos, que viaxe máis fermoso. Que salado! Por certo, agora que xa podes falar con el cóntalle o conto a Uxío.
Dende a túa chegada á esta cidade bimilenaria quedamos para sempre conectados, deu igual que volveras para A Coruña, sempre había algo que nos xuntaba, aos poucos, para urdir algún proxecto , algunha xeira. Cada vez que, nestes últimos anos, viñas gravar as voces en off para algún programa dos que estabamos a facer, xurdía algunha idea para desenvolver algo que era necesario poñer en práctica. Mágoa deste escuro ano, maldito xa para sempre! que non nos deixou desenvolver os últimos proxectos que estabamos a piques de comezar aquí en Lugo, na Caldiae factoría cultural: a escola de teatro, os cursos de dobraxe que ías dirixir , ou a túa exposición de pintura. Mentres isto escribo volvo ver as fotos dos cadros que me enviaches hai uns meses de cara a preparar dita exposición e sinto unha inenarrable tristura. Aínda que non será nada doado sen a túa axuda, tentarei sacalos adiante. Xa che irei contando.
Máis nada polo momento. Como me pos ao remate de cada WatsAapp: Apertas grandes Irmán!
Eloi Caldeiro.