Os servizos de emerxencias localizaron esta mañá á octoxenaria que onte á noitiña desapareceu no monte en Guitiriz cando apañaba castañas.
Estaban a piques de dar as dez desta mañá cando os membros do operativo organizado para a súa busca atoparon á muller nunha matogueira con apenas algunhas feridas leves.
Así o explicaron a través do 112 Galicia os axentes da Garda Civil de Tráfico e os técnicos da Axencia Galega de Emerxencias, que, desde a madrugada, colaboraban neste dispositivo. Foi, precisamente, preto das dez da noite de onte cando a familia, que vira á muller por última vez ás sete da tarde, mentres apañaba castañas entre as aldeas de Lea e Poceiras, chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda. Indicaron que a persoa tiña algúns problemas de saúde e necesitaba dun bastón para andar.
Decontado, activouse un operativo encabezado pola Garda Civil, ao que se sumaron os voluntarios de Protección Civil de Guitiriz, así como os membros do GES de Curtis, os cans de rescate de Casaga de Ferrol e os técnicos da Axencia Galega de Emerxencias, que puxeron en funcionamento os drons, isto é, os aparatos aéreos non tripulados idóneos para a busca de persoas desaparecidas, entre outros moitos cometidos.
Finalmente, esta mañá, cando estaban a piques de dar as dez, a muller foi localizada nunha matogueira, consciente e con algunhas feridas leves.