Lois Peña Novo, de Villalba

O próximo 28 de xuño vanse entregar os Premios Lois Peña Novo na súa XXV edición, á escritora María Xosé Queizán, o académico Mamuel González e ao xurista Xesús  Costas Abreu, polo seu traballo a prol do idioma galego, impulsados pola Fundación Lois Peña Novo que preside e promove Xosé González Martínez, ao que o mundo da cultura coñece como Pepe de Redondela, e ten feito historia por dignificar o noso idioma.

E iso fixo que me preguntase cantos dos meus veciños vilalbeses da actualidade saben quen foi Lois Peña Novo. Posiblemente non moitos, ou non a maioría, saiban que Lois Peña Novo foi un destacado vilalbés, impulsor das Irmandades da Fala.

Eu, ben pequeno, na Porta de Cima, escoitaballe á miña veciña Antonia da Queixa (Antonia Díaz Verdes), falar a cotío de don Luis e doña Ermitas, para min daquela descoñecidos, como persoas moi importantes coas que tiña relación, sendo el un destacado avogado en Madrid.

Tiven que ser maior para saber quen fora Lois Peña Novo, e a súa dona Ermitas, que morreron en 1967, cando viñan desde Madrid a Vilalba para a inauguración do Parador vilalbés cando sufriron un accidente de automobil que resultou mortal.

A Fundación Lois Peña Novo, así chamada na honra deste destacado vilalbés, acredita que Peña Novo foi xurista e o político máis destacado do primeiro tercio do século XX, cofundador das Irmandades da Fala, e o intelectual máis lúcido que tivo o galeguismo -aínda que nunca militou no Partido Galeguista- , e que os Manifestos das Asambleas nacionalistas de Lugo (que foi a primeira) e a de Santiago, foron basicamente obra súa.

Lois Peña Novo, en 1936, era secretario do Concello de Lugo, pero polo seu xeito de pensar e pola súa militancia, foi expulsado do Concello. E tivo que pasar máis de medio século para que un grupo de amigos, entre os que me encontro, conseguimos que o Concello de Lugo o rehabilitase moralmente, de xeito que se recoñecía que sufríu unha felonía cando se lle expulsou do Concello.

Vilalba ten que saber que Peña Novo foi un gran galego, cun lugar moi destacado na historia deste país, que tamén merece que o teñamos no corazón e na memoria todos os vilalbeses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com