Loito oficial na Deputación de Lugo polo tráxico naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo en Terranova, nas costas do Canadá. As bandeiras da institución provincial ondearán a media hasta e con crespóns negros nos vindeiros tres días en sinal de loito, solidariedade e afecto cos familiares, achegados das vítimas e toda a vila de Marín.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, trasladou en nome propio e no da Corporación provincial “o máis fondo e sentido pesar” polo fatídico suceso e fixo chegar o pésame da provincia ao Concello de Marín e á armadora do buque galego. “Lugo é unha provincia mariñeira, por iso a dor de Marín é a nosa dor”, afirmou.
“A tripulación do Villa de Pitanxo, un centro de traballo multicultural, é un exemplo de boa convivencia, de profesionalidade e de entrega ó traballo. Prestar apoio ás familias e seguir traballando, polo futuro e pola integración, paréceme o mellor xeito de render homenaxe á súa memoria”, asegurou o Presidente.
Pola súa banda, o Concello de Lugo sumouse tamén ao loito oficial declarado polo naufraxio en augas de Terranova do pesqueiro Villa de Pitanxo, que causou o falecemento e a desaparición de varios tripulantes. Esta mañá a Corporación de Lugo, coa alcaldesa ao fronte, Lara Méndez, mantivo un acto de silencio nun acto no que tamén participaron a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o Deputado Provincial, Pablo Rivera.
Previo ao minuto de silencio, procedeuse á baixada das bandeiras de Lugo e de Galicia da Casa Consistorial, que ondean a media hasta dende hoxe ate o 18 de febreiro como mostra do pesar compartido e solidariedade.
Neste senso, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou xunto a outras autoridades e veciños da provincia neste minuto de silencio en lembranza das vítimas diante da Casa do Concello de Lugo.