A actual rexedora e candidata á alcaldía de Folgoso do Courel do Partido Popular, Lola Castro, lamenta “a falta de implicación dos socialistas do municipio cun proxecto tan necesario e beneficioso como é a residencia da terceira idade e centro de día”; así coma “os enganos que pretenden trasladar aos nosos veciños e veciñas ao culpar ao equipo de goberno local do PP de non traballar por esta infraestrutura” cando “temos loitado moito por este proxecto e traballamos para intentar sacalo adiante da mellor forma posible”.
Trala recepción dun anteproxecto no que os servizos técnicos municipais detectaron deficiencias, o Goberno local do PP “viuse obrigado a rexeitalo e demandar ao Goberno provincial do PSOE unha infraestrutura coas mellores características posibles para Folgoso do Courel e que sexa o máis adecuada para a atención dos nosos maiores; xa que esixe un investimento importante por parte do Concello”. Deste xeito, a rexedora popular propón algunhas melloras á proposta trasladada polo Goberno provincial que considera que poden repercutir no benestar dos seus usuarios”, manifestou Castro.
Algunhas das deficiencias que ten apreciado a candidata do PP á alcaldía relaciónanse coa distribución dos seus espazos; xa que “boto en falta unha recepción, un espazo de acceso ao centro de día sen pasar pola zona da residencia, que as habitacións se orienten cara a luz do sol ou unha terraza na que os usuarios podan desfrutar da nosa paisaxe –porque o acceso á terraza contemplada non está garantido-”. Igualmente, Lola Castro sinalou que “tampouco se podería acceder á cociña con ningún vehículo e, polo tanto, o persoal veríase obrigado a cargar o material necesario de forma manual e facelo chegar ás instalacións a través dunha rampla”. Ademais, a rexedora recordou que “a construción debe respectar o entorno protexido no que se atopa e adaptarse ás súas características”.
A popular asegura que “nós cumprimos coa nosa parte –a cesión dos terreos ao ente provincial- como demostra a súa recepción por parte da Deputación tal e como consta nas actas de Xunta de Goberno e o investimento de 200.000 euros-. Polo tanto, “é o Goberno do PSOE na Deputación o que non avanza nesta dotación” incluso incumprindo os prazos establecidos polos propios socialistas cando anunciaron a licitación das obras para o mes de setembro do 2018 e o comezo das mesmas no último trimestre dese ano tras asinar o convenio a comezos de agosto do ano pasado.
Como non foi así, o Grupo Provincial Popular tivo que esixir, a través dunha moción debatida na sesión plenaria do mes de decembro do 2018, axilidade para dar inicio canto antes á construción da residencia da terceira idade e centro de día con capacidade para 52 usuarios no noso municipio”.