A longametraxe Pelerinaxe, coa que colaborou a Deputación de Lugo foi nomeada na categoría Mellor Documental da XV edición dos Premios Mestre Mateo que organiza a Academia Audiovisual Galega. O Goberno da Deputación contribuíu cunha achega económica de máis de 17.000 euros para a realización, difusión e promoción desta película por toda a provincia.
Este ano a gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro 4 de Marzo no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña. Pelerinaxes abriu o ciclo #CulturaAberta da Deputación no pasado mes de xullo, unha iniciativa do organismo provincial na que se ofreceron máis de 30 actividades lúdicas e culturais, completamente gratuítas, para persoas de todas as idades, durante os meses de verán. Ademais, o filme proxectouse nos Concellos de Rábade, Monterroso, Carballedo, Begonte, Antas de Ulla, Chantada, Outeiro de Rei, Vilalba, Palas de Rei e Lugo, municipios polos que transcorre Pelerinaxes.
Esta película, inspirada no libro homónimo, fai o mesmo camiño que fixeron, en 1927, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho- Shey, entre Ourense e Santo Andrés de Teixido (Cedeira). Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade de As Burgas e que percorre diversos pobos das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña.
A longametraxe, dirixida polo director italo-galego Simone Saibene, está protagonizada pola actriz lucense Carmen Méndez, que encarna a Luzía, unha investigadora que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André de Teixido para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo xunto cun compañeiro. O reparto deste filme confórmano tamén os ourensáns Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco.