López Orozco aposta pola Universidade para crear emprego e impulsar o sector gandeiro e forestal

A candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo presentou hoxe na praza da Fonte do Rei as propostas do seu programa electoral referidas á colaboración coa Universidade, entidade da que, en palabras de López Orozco, “debemos sentirnos orgullosos os lucenses polo que significa na cidade”.

O candidato socialista recalcou o papel destacado do Campus Universitario no desenvolvemento de Lugo nos últimos anos, polo que “sempre colaboramos coa Universidade como non o fixo ningunha outra corporación e reforzaremos esa cooperación para crear emprego, para a investigación e porque para darlle valor engadido aos nosos produtos, é imprescindible o labor investigador da Universidade”.

López Orozco mencionou que ese traballo en común coa Universidade é agora fundamental, coa posta en marcha do Campus Terra dedicado ao que se produce na provincia, polo que “queremos aproveitar o resultado desas investigacións para desenvolver o sector agrogandeiro e forestal para situar a Lugo como referente desta industria en España”.

Como exemplo desa cooperación entre a Universidade e o Concello, citou o Máster da madeira, único en España, que entronca coa proposta dos socialistas de aproveitar este material producido en Lugo para a construción e a rehabilitación “que é a que vai crear postos de traballo novamente neste sector. Por iso apoiamos a rehabilitación e neste sentido vai o proxecto LIFE presentado á Unión Europea no que colaboramos coa Deputación e a Universidade e que foi moi ben valorado”.

José López Orozco anunciou tamén que promoverán un programa de bolsas remuneradas para o alumnado universitario que precise mellorar a súa formación fóra. E resumiu o candidato do PSdeG-PSOE a aposta pola formación e polo traballo en cooperación co Campus Universitario nunha idea: “Universidade, máis Lugo, máis traballo, significa emprego”. Ese emprego conseguirá que as persoas formadas queden traballando en Lugo e servirá tamén para facer un recambio xeracional e de coñecemento, que é a materia prima básica da Universidade”.

Por outra parte, López Orozco apuntou que no seu programa contemplan accións para facer atractivo Lugo para que o alumnado universitario decida formarse neste Campus. Nese sentido traballarán para facerlles ver que o Concello lles ofrece oportunidades como os autobuses urbanos baratos, vivenda e mercado con prezos accesibles e unha ampla oferta deportiva, cultural, formativa e de ocio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com