Esta mañá, o actual alcalde de Lugo e candidato polo PSOE nas eleccións municipais, José López Orozco, fixo un resumo das proposta que conforman o seu programa electoral.
“Os socialistas lucenses apostamos pola educación e a formación como prioridade”, afirmou, e lembrou que os gobernos que presidiu “foron quen de manter 4 garderías municipais para atender as necesidades das familias ás que a Xunta de Galicia deixa desatendidas pola falta de prazas”.
López Orozco comprometeuse a promover a construción de novos CEIP nas zonas de crecemento da cidade, cedendo terreos onde sexa necesario, como é o caso do Sagrado Corazón ou a zona sur da cidade. Ademais, dixo que o concello colaborará coa Axencia Galega de Benestar e coa Fundación Amancio Ortega na creación dunha escola infantil no barrio de Albeiros.
O candidato socialista explicou tamén a colaboración necesaria coas ANPAS na posta en marcha e mellora dos comedores escolares e das actividades extraescolares e o “éxito do programa de almorzos saudables”, co que os nenos e nenas aprenden a levar unha alimentación saudable. O programa socialista inclúe a consolidación dos hortos escolares nos centros educativos do Concello e a creación dun Centro de Recursos para a Infancia e a Adolescencia que permita unha mellor conciliación da vida familiar e laboral dos lucenses.
Ademais, coa Universidade promoverán un sistema de bolsas remuneradas para a mocidade, acadarán un pacto educativo por Lugo para detectar nichos profesionais e fórmulas de emprego en beneficio do Concello e da provincia.
Na educación secundaria, potenciarán as campañas educativas e talleres de información sobre métodos anticonceptivos, enfermidades de transmisión sexual, tabaquismo, drogas e alcohol en adolescentes, dirixindo os esforzos a modificar a conduta.