José López Orozco, candidato á Alcaldía de Lugo, acompañado das candidatas socialistas Ana Prieto Nieto e Ana González Abelleira, mantivo un encontro na tarde de onte con Cáritas Diocesana de Lugo, representada polo seu director, Ginés Plaza e por persoal das distintas áreas da entidade como atención a maiores, emigrantes, infancia ou emprego.
Cáritas manifestoulle á candidatura do PSdeG-PSOE de Lugo o seu desacougo pola situación que atravesan as persoas que máis acusan as consecuencias da crise económica. López Orozco comprometeuse a incluír no programa socialista para as próximas eleccións municipais a loita contra a pobreza e a exclusión social que considera “unha cuestión de xustiza e de dereito”.
A candidatura socialista encabezada por López Orozco reuniuse tamén hoxe coa ONGD Taller de Solidariedade, que promove a solidariedade, a creatividade e a interculturalidade en Lugo, con quen se comprometeu a manter a axuda aos proxectos de cooperación e desenvolvemento que sitúan a Lugo como o único concello de Galicia que inviste nesta área 90.000 euros.
Os socialistas de Lugo celebran estas xuntanzas co fin de incorporar as propostas de distintos sectores lucenses ao programa electoral co que concorren ás eleccións municipais do próximo 24 de maio, para elaborar un programa no que se sinta representando o conxunto da cidadanía.