O Alcalde de Lugo, José López Orozco, está satisfeito co resultado das reunións celebradas ao longo dos últimos meses cos veciños e veciñas lucenses porque serviron para dar cabida á participación cidadá: “un proxecto para un Concello nunca pode ser só dun grupo de persoas, por moito que se pense; canto máis participativo sexa, máis posibilidades hai de facer un proxecto bo”.
Coa finalidade de manter o contacto directo coa xente e para escoitar as propostas cidadás, púxose en marcha a campaña “O PSOE de Lugo en pé de rúa” que José López Orozco valora en positivo polas propostas recibidas e por ter sido útil para que a veciñanza “expresara as súas ideas para facer de Lugo un Concello que se modernice, que siga progresando, que sexa inclusivo e onde ninguén se sinta fóra da súa mellora constante. Tivemos ideas espléndidas por parte dos veciños”.
O Alcalde de Lugo considera que as reunións mantidas serviron tamén para percibir o interese cidadá por participar na vida municipal, por implicarse en que continúe a mellora de Lugo. Neste senso, os veciños e veciñas que acudiron ás xuntanzas presentaron os seus problemas e achegaron ideas relacionadas co turismo, coa mobilidade, coa vida en comunidade, coa necesidade de atender as emerxencias sociais dándolle prioridade ás persoas por enriba das infraestruturas e coa necesidade de fomentar o emprego neste contexto económico difícil. As súas demandas serán tidas en conta á hora de elaborar o programa electoral para as eleccións municipais do 24 de maio.
As reunións veciñais celebráronse nos centros de convivencia María Balteira no barrio da Piringalla, Maruja Mallo no barrio das Fontiñas, Fingoi e a Milagrosa. Tamén nos Centros de dinamización social de San Xoán do Campo, Coeses e Santa María de Bóveda e nos locais sociais de Díaz Castro no barrio do Castiñeiro, no de Esperante e no de Tirimol.