A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, afirmou esta mañá que “a desesperación da alcaldesa por ter algo que inaugurar antes das eleccións fai que se atope nas últimas semanas nunha carreira desesperada contrarreloxo de presentación e contratación de obras de todo tipo e pelaxe coa intención de que estean rematadas antes de maio do ano que vén”.
Olga Louzao alerta de que “as présas non son boas” e pide “que se prime a calidade por enriba do feito de telas rematadas antes das vindeiras eleccións”. Teme que “as obras feitas a todo correr acaben en chapuza” e di que “non pasa nada por acabalas un mes ou dous despois das eleccións porque o importante é que queden ben e non se dilapiden fondos públicos”.”Iso é o que lles importa e preocupa aos veciños e veciñas”, considera.
A voceira de Cidadáns puxo como exemplo da “premura desbocada da alcaldesa na contratación de obras” a peonalización da Praza da Milagrosa. A Xunta de Goberno Local aprobou onte iniciar o proceso de licitación destes traballos, que teñen un orzamento de 220.000 euros e un prazo de execución de seis meses.
Olga Louzao sinalou que no expediente remitido onte á Xunta de Goberno figura un informe do arqueólogo municipal asinado o pasado día 21 de maio no que se indica que “a zona atópase en ámbito de protección arqueolóxica de nivel 3, polo cal de conformidade co establecido no PXOM, as obras de urbanización e infraestruturas que supoñan remoción de subsolo estarán sometidas a control ou vixilancia arqueolóxica dos movementos de terra”. Asimesmo, sinala que “neste caso, á vista da documentación presentada, o tipo de actuación que se propón pode afectar ao trazado do acueducto romano e do acueducto do bispo Izquierdo” e pon de manifesto que “os vestixios arqueolóxicos do acueducto atópanse a unha cota moi superficial”, polo que lembra que “segundo o disposto no PXOM, previamente ao inicio das obras deberase presentar no Concello un proxecto de control arqueolóxico para a súa tramitación e aprobación polo organismo competente da Xunta de Galicia”.
Segundo explicou a voceira de Cidadáns, o Concello de Lugo solicitou autorización a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta para levar a cabo a peonalización da Praza da Milagrosa tendo en conta que se atopa dentro do ámbito dun elemento catalogado, a igrexa, e Patrimonio emitiu resolución o pasado día 10 de maio na que autoriza ao Concello de Lugo a levar a cabo a obra de referencia, pero no escrito de solicitude enviado polo Concello á Xunta desde a área de Enxeñería non se menciona a existencia do acueducto, cuxa presenza lembra agora o arqueólogo municipal, polo que Patrimonio terá que dar de novo o visto bo ao proxecto arqueolóxico da obra.
Olga Louzao denunciou ademais que “no expediente aprobado onte na Xunta de Goberno non existe tampouco Plan de Tráfico previsto para a zona, nin para aplicar durante o tempo que duren as obras nin unha vez que a praza sexa pechada peonalizada”. “Desde Cidadáns consideramos que é algo básico que debía estar xa previsto e contemplado”, indicou, dado que “actualmente o tránsito pola Praza constitúe unha das entradas principais ao barrio e é necesario buscar alternativas a ese tráfico e tamén aos veciños e residentes” e lembrou que “pola zona pasa tamén o bus urbano, polo que é necesario estudar posibles cambios nas liñas ou nas paradas para non deixar a zona sen servizo”.