A portavoz municipal de Cidadáns en Lugo e candidata á alcaldía, Olga Louzao, afirmou hoxe que “o asunto máis importante ao que se enfronta a cidade de Lugo nos vindeiros anos é como resolver o problema do Garañón polas implicacións económicas que isto pode ter para as arcas municipais”.
Por iso, dixo a candidata de Cidadáns, a resolución deste asunto debe ser “unha prioridade para a vindeiro Goberno municipal” porque “sobre as edificacións levantadas na Unidade de Actuación CS-5 pesan dúas sentenzas firmes que as declaran ilegais e canto máis tempo pasen as torres en pé maiores poden ser as indemnizacións ás que se enfronte o Concello”. Neste sentido, avanzou, unha das súas primeiras medidas se é alcaldesa será “elaborar un estudo serio sobre os custos reais de tirar as edificacións e das posibles alternativas existentes para resolver o conflicto co promotor tendo en conta sempre o interese xeral e o menor custo posible para as arcas públicas”.
Olga Louzao comprometeuse a reunir a toda a Corporación resultante das eleccións do 26 de maio para buscar unha “solución consensuada por todos”, xa que, dixo “un asunto de cidade coma este debe implicar e ter en conta ao conxunto da Corporación municipal pola trascendencia que ten”.
Por iso, Louzao criticou a Lara Méndez por “desmarcarse” da folla de ruta consensuada pola Corporación municipal no Pleno celebrado o pasado 29 de novembro, na que toda a oposición se puxo de acordo para fixar as liñas a seguir para resolver o conflicto. “Lara Méndez preferiu actuar de xeito unilateral e de costas á Corporación no Garañón, anunciou que sería a alcaldesa que tiraría as torres e acaba o mandato sen que haxa avance algún”, denunciou a candidata de Cidadáns.
Cs Lugo iniciou esta mañá no Garañón unha campaña irónica de inauguración dos grandes logros de Lara Méndez nos últimos catro anos como alcaldesa. Aínda que Olga Louzao indicou que o Garañón é “un problema herdado moi serio”, quixo poñer en evidencia con humor que “o PP e o PSOE crearon o “monstro” do Garañón, convertido no gran emblema da xestión urbanística dos distintos gobernos socialistas e populares nas últimas décadas na cidade de Lugo”, por iso acompañou o simbólico corte de cinta dun cartel que lembraba a data de aprobación do Plan Xeral Municipal para esa zona por parte do PP en 1991 e a concesión de licenza por parte do PSOE para a construción das torres no ano 2008 e dunha placa conmemorativa coma as usadas habitualmente nas inauguracións co texto “a todos os que no seu día autorizaron e aos que hoxe seguen mantendo esta aberración”.
Olga Louzao denunciou que catro anos despois de que Lara Méndez anunciara que sería a alcaldesa que tiraría as torres construídas en época de Orozco remata o mandato sen “ningún avance”. “Non hai proxecto de demolición, nin estudo de custos, nin unha partida orzamentaria prevista, nin tampouco previsión económica de canto pode custar tirar as torres, nin quen o vai pagar, nin un cálculo das posibles indemnizacións”, evidenciou a candidata de Ciudadanos que, dixo, “poden chegar a hipotecar as arcas municipais durante décadas”.
“Desde Ciudadanos esiximos que os pasos que se dean sexan firmes, estudados e seguros, buscando minimizar as repercusións económicas para a cidade de Lugo, pero isto so pode facelo un Goberno diferente ao de Lara Méndez”, asegurou, que “dedicou os catro anos a deixar pasar o tempo perpetuando a herdanza envelenada para a cidade de Lugo de Orozco e Besteiro”.