Louzao denuncia o abandono por parte do Concello do sectur turístico da cidade

A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, acusou esta mañá á alcaldesa, Lara Méndez, de “abandonar ao sector turístico da cidade” e de non facer nada para que Lugo se consolide como un destino de referencia dentro de Galicia. Olga Louzao lembrou que hai máis dun ano, foi aprobada en Pleno a iniciativa de Cidadáns de crear o Consello Municipal de Turismo como órgano consultivo onde estaría representado o sector co obxectivo de fixar as estratexias municipais no ámbito turístico, pero que o Goberno municipal non convocou aínda ningunha reunión dese Consello.

De feito, detalla Olga Louzao, “a alcaldesa incumpre as súas propias promesas e mesmo o propio regulamento do Consello Municipal de Turismo elaborado polo Goberno municipal, que foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o pasado 21 de decembro e no que se fixaba unha periodicidade semestral para as reunións deste órgano, quedando establecidas nos meses de abril e de outubro como datas de referencia”. “Pasou abril, maio e xuño e o Consello Municipal de Turismo está aínda sen constituír”, denuncia a voceira de Ciudadanos.

Segundo o seu regulamento de funcionamento, o Consello Municipal de Turismo é un órgano presidido pola propia alcaldesa e no que teñen representación, entre outros, a Universidade de Santiago, as empresas de hostalaría, restauración e aloxamento , guías turísticos e empresas de servizos complementarios e asociacións vinculadas ao patrimonio e ao Camiño de Santiago. Entre as súas funcións están as de analizar estudos ou estatísticas e asesorar en cuestións vinculadas ao turismo co obxectivo de deseñar liñas de actuación que permitan fortalecer a posición de Lugo como destino turístico.

Como exemplo da “despreocupación municipal cara o turismo” a voceira de Cidadáns lembra que “este Goberno mantén caducado o contrato dos museos municipais e ten o MIHL morto de risa e criando paxaros, sen apenas visitantes e supoñendo ademais un importante gasto para as arcas municipais”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com