A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e os actores de Lucecús Teatro, Anxo Manuel Lamero e Rubén Pérez, e a actriz Isabel Herrero, presentaron este xoves no Salón de Plenos as representacións teatrais gratuítas sobre as obras de Valle Inclán A cabeza do dragón e Ligazón, que acollerá o Auditorio Municipal Gustavo Freire o vindeiro xoves, 6 de marzo, a partir das 8 e media da tarde.
A representación destas obras é froito de dous obradoiros de teatro gratuítos que impartiu esta compañía luguesa de teatro, coa colaboración do Concello, dende o pasado mes de xaneiro, dirixidos tanto a adultos como a nenos e nenas, no que participaron unhas 20 persoas.
No acto de presentación, Carmen Basadre amosou a ilusión do Concello por colaborar nunha iniciativa como esta, que impulsa e apoia ás iniciativas locais ao mesmo tempo que aposta pola lingua galega, neste caso máis importante se cabe, porque a obra de Valle Inclán nunca se puido representar en galego ata o de agora, cando se onmemora o seu 150 aniversario.
Así mesmo, a edil agradeceu o traballo de Lucecús pola posta en valor das artes escénicas difundidas nesta ocasión, a través da obra de Valle Inclán.
Pola súa banda, Lamero agradeceu o apoio do Concello e destacou o éxito dos obradoiros que fan posible a representación destas dúas obras este xoves. Para rematar, convidou á cidadanía a unirse á celebración de poder ver a Valle Inclán en galego no Gustavo Freire.
A cabeza do dragón está protagonizada polo príncipe Verdemar, quen foxe do seu reino ata chegar a outro que está baixo a obscuridade dun dragón. Alí bátese con el ata vencelo e rescatar á infanta qe tiña apresada. Por outra banda, a historia de Ligazón, que é a primeira vez que se representa en galego, é a dunha moza á que súa nai e súa tía pretenden prostituír, e contra as que ela se rebela firmemente.