A compañía profesional lucense Lucecús Teatro segue a levar o seu espectáculo ‘A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna’, baseado en textos de Manuel María, polos concellos da provincia de Lugo a través do programa “Cultura sobre rodas” da Deputación de Lugo.
Hoxe actuarán na praza Vila de Sarria coa Asociación de Comerciantes e Empresarios ás oito da tarde. Mañá actuarán na cidade de Lugo ás sete, no local de Hipócrita teatro e o día 3 de setembro visitarán Cospeito e Barreiros.
A compañía, baixo o espírito da barraca de Lorca, está a levar o seu espectáculo a moitos dos recunchos da provincia de Lugo, tendo actuado xa en pobos pequenos como Teixeira (O Courel) ou Piornedo (Ancares) e en vilas como Chantada, Viveiro ou Sarria. Deste xeito as palabras de Manuel María chegan a boa parte da xeografía de Lugo, en moitos casos coincidente coa mesma do espectáculo ao actuar pola Terra Chá, o paraíso terreal do poeta e dramaturgo.
Cómpre lembrar que moitas destas funcións desenvólvense en espazos onde o teatro nunca chegara antes, ofrecéndolles a moita xente do rural a posibilidade de asistir a una representación no seu propio pobo, sen ter que desprazarse kilómetros e kilómetros para asistir ao teatro.
O espectáculo parte de varios contos de Manuel María, centrados todos eles na personaxe de Manuel de Paderna: alguacil, poeta popular e barbeiro que ensinou ao propio Manuel a escribir versos debaixo dunha oliveira na propia tribu do poeta.