A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, e o presidente da Asociación pola Liberdade Afectivo e Sexual da cidade de Lugo, colectivo ALAS, Marcos Fernández, avanzaron este xoves os actos conmemorativos do Orgullo LGTBI Lugay 2017, que se celebrará este sábado, 2 de decembro, a partir das 22:30 horas, na Praza Maior.
Ana González Abelleira salientou que o Concello colaborará con estas actividades “porque dende o Goberno sempre traballamos por unha sociedade máis xusta e igualitaria”. A edil tamén aproveitou para convidar a toda a cidadanía a que asista a este evento.
Pola súa banda, Marcos Fernández agradeceu a colaboración do Concello e da Deputación con este evento, “que como cada ano será un acto de carácter artístico e reivindicativo pola visibilidade do colectivo LGTBI e que contará con artistas de ámbito nacional”.
Os actos, organizados polo colectivo de lesbianas; gays; bisexuais, transexuais e intersexuais ALAS, contará con diversas actuación musicais. Os artistas que participarán nesta celebración son Kika Lorance, Pupi Poisson, Sra Paca e Las Supremas. O evento estará presentado pola cantante Lucia Pérez.