Os datos de covid na provincia de Lugo comezan a ser esperanzadores e é que logo de varias xornadas en descenso, a provincia baixa por fin dos 1000 casos activos. En total 942 persoas están infectadas nestes momentos. Dende logo, un bo dato comparado coas 1437 infeccións activas hai exactamente unha semana ou coas 2023 de hai 15 días.
O que está claro é que o gran aumento das altas médicas foi clave para comezar, o pasado 2 de febreiro co descenso de casos activos. Tal foi a importancia que, dende ese mesmo día no que a covid acadou o seu pico máximo nesta terceira vaga, máis de 2.200 persoas recuperáronse desta enfermidade. A día de hoxe, e dende o comezo da pandemia, no pasado mes de marzo, 10.307 persoas superaron a enfermidade.
Pero esas non son as únicas boas novas no día de hoxe. E é que os datos do SERGAS reflexan xa, dende hai un par de días, unha leve mellora da presión asistencial. En total, en plantas de hospitalización hoxe rexístranse 41 pacientes covid, 8 menos que no día de onte e outros 21 na UCI do HULA, a única con casos covid e que hoxe resta un paciente.
Por hospitais, o Hula continúa a ser o que máis casos rexistra con 27 pacientes en unidades convencionais, cinco menos que onte; o Hospital de Monforte hoxe amencía con 8 casos covid en planta, dous menos que na xornada anterior e o da Mariña restaba un paciente e quedaba con cinco. Asemade, no Polusa continúa unha paciente covid.
Doutra banda, e con novas non tan positivas, hai que destacar un lixeiro aumento de positivos detectados nas últimas 24 horas. Malia que a cifra, 36 casos, non se alonxa demasiado dos 34 de onte, o certo é que o gromo detectado na capital, no que xa se descubriron casos da variante británica do virus, continúa a medrar, o que frea o descenso da incidencia acumulada que se estaba a rexistrar na capital nos últimos días.
Asemade, o SERGAS, no seu último informe, deu conta de dous novos falecementos na provincia, trátase dun home de 77 anos que finaba o pasado martes e outro de 86 falecido o mércores. Ambos no HULA.