A cidade de Lugo acollerá a partires de mañá xoves, a 12º edición do Festival Internacional Tango Liber, que rematará o vindeiro domingo. O festival de tango, reunirá en Lugo a recoñecidos artistas do xénero para participar en seminarios, talleres e exhibicións.
Destacadas figuras do mundo do tango estarán neste encontro, como os bailaríns Roxana Suárez e Sebastián Achaval. Tamén participarán os DJs Marcelo Rojas, Ariel Yuryevic e Enrique Ringa (Arxentina), Magín López (Lugo) e Carmen Villafuerte (Sevilla). As actividades desenvólvense no Círculo das Artes e noutras localizacións de Lugo, e inclúen o domingo unha exhibición aberta ao público e gratuíta na praza Maior (a partir das 12.00 horas).
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, como representante dunha das institucións que da apoio este festival, interveu hoxe no acto de presentación do programa, organizado pola asociación Tango Club Galicia. Arias agradeceulles que promovan en Lugo unha nova edición desta cita, “que xera dinamismo económico e contribúe a reforzar a imaxe da nosa cidade como un escenario idóneo para acoller actividades culturais de proxección nacional e internacional”.
A organización agarda recibir a uns 250 afeccionados procedentes de distintos puntos do estado e de varios países de Europa.