No marco do programa Galicia destino seguro, a Xunta de Galicia escolleu a cidade de Lugo como unha das paradas da nova campaña itinerante de concienciación para promover un turismo seguro. Así, durante a xornada de mañá e pasado situarase un espazo informativo móbil na praza Horta do Seminario desde onde se informará aos viaxeiros e aos propios galegos dos recursos turísticos dispoñibles na nosa Comunidade e a potencialidade de Galicia como destino seguro.
Con todo, esta campaña chegará nos próximos días a outros puntos da provincia de Lugo. É caso da Ribeira Sacra, neste caso en Monforte, onde recalará este domingo; o Camiño Francés ou a comarca da Mariña, en concreto nas vilas de Sarria e Viveiro, onde permanecerá nas xornada do martes e o mércores, respectivamente.
A unidade móbil que funciona a modo de oficina de turismo estará aberta en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 horas. O espazo informativo está atendido por profesionais da información turística e difunde o destino, poñendo en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.