Lugo acolle dende este xoves o XII Concurso de Tapas de Lugo, no que participarán un total de 44 locais hostaleiros da cidade do 9 ao 25 de setembro. O Concello colabora un ano máis con esta cita gastronómica cunha achega duns 15.000 euros, posto que se enmarca dentro do compromiso da entidade local co impulso do turismo de calidade.
A concelleira de Cultura Carmen Basadre salientou que “este tipo de iniciativas serven para dar a coñecer a nosa cidade e facer bo o slogan promocional da hostalería lucense ‘… E para comer Lugo’, que xunto con outras potencialidades, como os tres Patrimonios da Humanidade, contribúen dun xeito moi importante á promoción turística de Lugo en todo o mundo”.
Neste senso, a edil referiuse aos bos datos turísticos deste ano, xa que o número de visitas á Oficina Municipal de Turismo aumentou un 19% máis que o ano anterior, polo que convidou a todos os lucenses e os que nos visiten a participar degustando as diferentes tapas deste certame.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, destacou os premios que se sortearán entre os consumidores que proben as tapas e as valoren do 1 ao 5, de menor a maior puntuación. Os clientes que cubran todos os selos, 44 en total, entrarán nun sorteo dunha viaxe a unha cidade europea para dúas persoas.