Lugo acolle esta fin de semana o III Torneo Lugo é Basket

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este luns a terceira edición do Torneo Lugo é Basket que se disputará os días 16, 17 e 18 de setembro no Pazo dos Deportes da cidade amurallada e que reunirá sobre o pavillón lugués ao Cafés Candelas Breogán, o Quesos Cerrato Palencia e o Melilla Baloncesto. 

O torneo terá formato de triangular, disputándose o primeiro encontro o venres 16 ás 20:45 horas. Este enfrontará ao Quesos Cerrato Palencia e ao equipo anfitrión, o Café Candelas Breogán. Xa o sábado 17, a partir das 18:30 horas terá lugar o segundo partido entre o Melilla Baloncesto e o Palencia, mentres que a cita definitiva celebrarase o domingo, ás 18.30 horas, e medirá ao Breogán e o Melilla Baloncesto. Finalmente, a partir das 20.15 horas terá lugar a entrega de trofeos aos gañadores.

As entradas para cada encontro terán un custe de 5 euros, mentres que tamén será posible adquirir un bono para presenciar os tres encontros, por un custe total de 10 euros.

Rivera Capón sinalou que “esta cita deportiva reunirá na nosa cidade a tres equipos da elite do baloncesto nacional, promovendo o deporte na provincia e facendo posible que os afeccionados lugueses poidan gozar durante a fin de semana dalgúns dos xogadores de referencia da categoría LEB Ouro. Ademais, tamén servirá como posta de largo do Breogán diante da súa afección, polo que agardamos que o Pazo dos Deportes se vista de gala e a cita se converta nunha festa do baloncesto”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com