Lugo acolle este sábado a IX Xornada de Literatura de Tradición Oral

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este xoves no Pazo de San Marcos a IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional, que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o vindeiro 12 de novembro no Salón de actos da Deputación. O organismo provincial colabora coa asociación cunha achega económica de máis de 15.000 euros para a celebración de actividades durante todo o ano.

Entre os obxectivos destas xornadas está o de achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relación coa cultura popular tradicional, facilitar un foro de reflexión útil ao profesorado para comprender e transmitir os valores da nosa cultura, incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular e informar sobre a presenza dos tema da medicina popular tradicional en relación coa literatura popular galega de tradición oral.

As persoas que queiran participar na xornada pódense inscribir na www.as-pg.gal ou na www.aelg.gal. Os criterios de selección serán por orde de inscrición, tendo preferencia os socios e afiliados á AS-PG e á AELG. A matrícula é totalmente gratuíta.

PROGRAMACIÓN

– Ás 10:30 horas.- Conferencia Uso das plantas medicinais no Caurel: Tradición e Cultura Popular, impartida por María Moure Oteyza. Licenciada en Farmacia pola USC, obtivo a Suficiencia Investigadora en dita Universidade. No coloquio debaterán sobre as propiedades beneficiosas das plantas e os seus efectos.

– Ás 11:30 horas.- Conferencia A recollida da memoria oral como método de aprendizaxe. O valor de espertar e guiar a curiosidade, por Ana Lois, Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago, Directora do proxecto documental sobre medicina tradicional palabrassecretas.com e Directora do documental Lume na Auga e do proxecto de divulgación arqueolóxica santamarinadeaugassantas.com.

– Ás 12:30 horas.- Mesa redonda: Escoitar, ver e aprender. O saber que cura, por María Moure Oteyza e Ana Lois. Coordina: Antonio Reigosa. A curiosidade é a chave que abre as portas do saber. E o saber é un proceso, unha experiencia, precisa dunha metodoloxía e dunha predisposición para comprender as claves da nosa cultura popular.

– Ás 16:00 horas.- Conferencia A medicina popular en Galicia, por Pablo Vaamonde, Médico de familia no Centro de Saúde de Labañou, Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e Vicepresidente do Colexio de Médicos de A Coruña (1998-2005). Neste coloquio abordarán o tema dos menciñeiros, e porque a xente segue a recorrer neles.

– Ás 17:00 horas.- Conferencia Curando coa palabra entre a literatura e a medicina popular, por Ana Acuña, Doutora en Filoloxía Galega e profesora na Universidade de Vigo, é autora de traballos sobre lingua e literatura, particularmente galega. Na conferencia debaterán sobre se a palabra pode ser, unha medicamento máis ao noso alcance.

– Ás 18:00 horas.- Mesa redonda: Médicos ou menciñeiros? Da psique á psiquiatría, por Pablo Vaamonde e Ana Acuña. Coordina: Isidro Novo. A nosa cultura popular tradicional era un sistema harmonizado que foi substituído por outro considerado máis efectivo. Mais, cando a enfermidade non atopa remedio, todo se cuestiona.

– Ás 19:30 horas.- Aprender a ver e a sentir: Arredor de nós está a vida. Identificación e aplicación de remedios curativos con herbas da nosa contorna, por Carmiña Prado Penas. O obxectivo desta charla é descubrir que no noso contorno hai plantas que teñen unha longa historia como remediadoras das doenzas humanas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com