O Deputado de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao concelleiro lucense Daniel Piñeiro, o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López, e a coordinadora de Equigal, Marta Rodríguez, presentaron este mércores en San Marcos a décima edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 27 ao 30 de abril.
O evento, que conta cunha achega de 31.000 euros do Executivo provincial e a colaboración do Concello nos aspectos organizativos, terá como acto principal o Concurso Nacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, un certame clasificatorio para o Campionato do Mundo ANCCE-SICAB que logrou consolidarse coma un dos máis importantes do calendario estatal.
Rivera Capón sinalou que este evento sitúa a provincia de Lugo como referente da gandería cabalar en Galicia e supón un “importante impulso económico, pois move un grande número de afeccionados e profesionais do mundo do cabalo”. Ademais, o Deputado provincial destacou que, ao mesmo tempo, “Equigal constitúe unha alternativa de lecer para toda a familia, xa que hai previstos espectáculos ecuestres e actividades infantís, como os paseos en poni”.
Pola súa parte, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal de Lugo, Daniel Piñeiro, destacou que Equigal supón unha promoción de primeira orde para a cidade de Lugo, “cun forte retorno social e económico, que dende o Concello queremos poñer en valor”.
Seguiremos apoiando esta iniciativa, como xa fixemos coa primeira edición de Equiocio, celebrada na Semana Santa. Foi todo un éxito que, con toda seguridade, volverá a repetirse nas vindeiras edicións”, afirmou Piñeiro. O Concelleiro subliñou así mesmo que certames coma este “fan cidade e promocionan a cidade, ademais dende unha perspectiva de coidado e respecto ao entorno e ao mundo animal, uns valores que precisamente constitúen un eixo fundamental do modelo de cidade que defendemos e polo que traballamos día a día dende o Goberno de Lugo”.
O principal evento da programación de Equigal é o Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, no que se darán cita 120 cabalos das mellores ganderías, tanto do territorio galego coma do resto de España. Para seleccionar os exemplares, levarase a cabo un estudo da morfofuncionalidade dos exemplares. Por unha parte, clasificaranse os participantes segundo a calidade racial (fidelidade ao prototipo racial definido) e os aires naturais que presenta; e por outra, valoraranse as aptitudes de cada exemplar en canto á monta e a doma, de acordo a uns exercicios básicos e os seus respectivos movementos.