A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa en Lugo dúas accións formativas sobre o manexo das novas tecnoloxías que configuran a Industria 4.0 en colaboración coa Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) inviste máis de 8.000 euros nestes cursos, financiando o 70% do custo de organización a través do Fondo Social Europeo.
A Asociación de Empresarios da Madeira organiza dous cursos de 30 horas de duración sobre “Dixitalización a través de plataforma web e SW de xestión”, un en Lugo e outro en Trabada. A data prevista de inicio deste último é o 15 de xuño e o de Lugo prevese que dea comezo o 7 de setembro.
Os contidos incluirán a certificación forestal, o funcionamento do Grupo de Xestión Forestal Sostible a través de plataforma web, certificación de superficies baixo os sistemas FSC e PEFC, ferramentas dixitais para a cubicación e tasación de madeira ou a aplicación práctica dun software de xestión forestal, entre outros.
Estas axudas para proxectos de formación na Industria 4.0 pretenden incentivar a formación do capital humano capacitando aos profesionais nas tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas que esixe o novo modelo económico e industrial. Os cursos están abertos a calquera traballador en activo que estea interesado.
Responden a unha convocatoria dirixida ás organizacións profesionais ou empresariais como fundacións empresariais ou universidade-empresa, colexios profesionais, consellos reguladores de denominacións de orixe, clusters ou centros tecnolóxicos, entre outros