O Concello de Lugo acollerá esta fin de semana máis dunha ducia de actividades cultirais. Este venres día 22, a partir das 18:30 horas, terá lugar unha función familiar do grupo lucense Lucecús Teatro no Auditorio Municipal Gustavo Freire.
A función recibe o nome de ‘A Verdadeira historia de Manuel de Paderna’ e está baseada en textos de Manuel María, o poeta homenaxeado este ano no día das letras galegas.
Outra das alternativas para este venres, é o concerto do alumnado do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, que se celebrará a partir das 20:30 horas nas instalacións deste centro. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do IV Ciclo de Música Contemporánea de Lugo, na que se interpretarán 6 pezas musicais.
O sábado, 23 de abril, Día do Libro, o Concello ten organizada unha quedada para ler poemas diante a Casa Consistorial, en xornada de mañá, de 12:00 a 14:00 horas, en homenaxe a Cervantes, pois este ano cúmprense 400 anos do seu pasamento, e de tarde, de 18:00 a 20:30 horas, en homenaxe a Manuel María.
Este mesmo día, os máis cativos poderán elaborar un libro tridimensional no MIHL apartir das 12:00 horas, baixo as indicacións de creación literaria de Mau Marela.