A cidade de Lugo converterase o próximo setembro na capital mundial do Pádel coa celebración do World Pádel Tour, a décima edición dunha competición internacional e que terá lugar do 3 ao 9 de setembro no Pazo Universitarios dos Deportes, onde xogarán en torno a 140 parellas de deportistas entre as que estarán os máis destacados na modalidade como Fernando Belasteguín, Pablo Lima ou as irmáns Sánchez Alayeto, Mª José e Mª Pilar, equiparables, por exemplo no mundo do tenis, a Rafa Nadal, Roger Federer, Garbiñe Muguruza ou Natasha Zvereva.
Así o anunciaron esta mañá a alcaldesa e o edil de Deportes da cidade, Lara Méndez e Miguel Fernández, nun acto de presentación ao que acudiron tamén o director nacional de World Pádel Tour, Luis Torres, e o xerente do complexo deportivo D10, Leovigildo Real.
Méndez subliñou que “Lugo volve a facer historia no deporte” con esta cita, como xa o fixo como sede de etapa da Volta Ciclista a España, os Xogos do Eixo, a Copa Princesa de Voleiball ou Baloncesto ou o campionato galego de nivel de natación sincronizada. O evento, relativo ao segundo deporte colectivo máis practicado de España despois do fútbol, con 5 millóns de xogadores, recalcou, terá un “importante retorno económico” para o municipio, estimado polos organizadores en máis de un millóns de euros.
A organización seleccionou a Lugo entre tres cidades galegas, destacando as súas instalacións deportivas, “unhas das mellores do país”, dixo Luis Torres, e as súas características patrimoniais.
O director nacional de World Pádel Tour explicou que este campionato baséase “en tres patas, o deporte, o espectáculo e, sobre todo, a pata social, en tanto que o 38% dos asistentes son mulleres”. Luis Torres aludiu ao retorno económico e turístico do evento, poñendo como exemplo edicións anteriores, nas que entre o 56 e o 28% dos asistentes foron de fóra da cidade sede do torneo.
O World Pádel conta cun canal de televisión propio, con 238.000 espectadores e un 2% de share de media por tour, e retransmisión en streaming, cun millón de conexións.