A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organizou esta semana dous cursos sobre certificación de benestar animal (protocolo Welfare), un deles en explotacións de vacún de carne e outro en granxas de porcino. Ambas accións formativas impartíronse no salón de actos da sede da Xunta en Lugo.
Estas iniciativas estiveron dirixidas principalmente a traballadores do sector primario. Cada unha delas contou cunha duración total de 10 horas, metade delas de formación teórica e a outra metade práctica a través da resolución de dous casos que se desenvolveron en granxas de Becerreá (no caso de gando vacún) e de Portomarín (no caso do de porcino). Ditas xornadas foron impartidas por persoal especialista do Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentaria (IRTA), que actualmente se considera un dos principais centros de referencia internacional en materia de certificación de benestar animal.
O obxectivo destas actividades formativas é que os produtores obteñan os coñecementos necesarios sobre o protocolo Welfare Quality e o seu modelo de valoración, co fin de que poidan aplicalo para obter un selo de calidade que axude a mellorar a comercialización dos seus produtos.
Ambos cursos sobre este modelo de certificación en benestar están integrados no Plan de formación ao agro galego, que leva a cabo a Consellería de forma continua para impulsar o desenvolvemento de actividades de demostración e información e así mellorar a formación de agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.