A provincia de Lugo comeza o curso 2017/18 comeza cun total de 36 centros plurilingües trala ampliación deste tipo de modelo que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira á educación infantil, bacharelato e Formación profesional. Os datos definitivos das diferentes etapas –excepto de FP, que sairán en breve–, así como das seccións bilingües, poden consultarse na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/.
A ampliación do ensino plurilingüe ás distintas etapas –ata o curso pasado estaba presente en primaria e secundaria– enmárcase no desenvolvemento da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, presentada a inicios de xuño. Os primeiros resultados desta iniciativa acreditan que neste curso 2017/18, un total de 8 centros da provincia de Lugo decidiron introducir o plurilingüismo en infantil, denominado Plurinfantil.
Ademais, á rede dos centros plurilingües clásicos (primaria e secundaria) súmanse este curso un total de cinco novos: o CPR La Inmaculada de Lugo, o CEIP Monte Baliño de Pantón, o CPR Sagrado Corazón de Jesús de Ribadeo, o CEIP Eloísa Rivadulla de Chantada e o CEIP de Monforte de Lemos.
Así mesmo, a provincia lucense suma 28 novas seccións bilingües. A nivel Galicia, un total de 83 centros estenderon o plurilingüismo en infantil, 4 fixérono no bacharelato e, así mesmo, haberá 12 ciclos formativos plurilingües en 7 centros educativos. Tendo en conta estas novidades, así como os 25 novos centros que se incorporan á rede clásica (primaria e secundaria), este curso haberá un total de 322 centros plurilingües en toda a comunidade, 40 máis con respecto ao curso 2016/17. Isto significa multiplicar por máis de 5,5 o número de centros plurilingües que había no curso 2010/11.