Lugo, capital do Antigo Reino de Galicia

O domingo pasado, celebrouse a Infraoctava de Corpus, a maior festividade da capital lucense. Foi en 1669, cando se reuniron os rexedores das sete cidades do antigo Reino de Galicia, e acordaron xuntarse cada Infraoctava do Corpus na Catedral de Lugo, para facer solemne ofrenda anual a Xesús Sacramentado no nome do Antigo Reino. As sete cidades do antigo Reino son A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago, Betanzos, Mondoñedo e Tui.

Miren que leva chovido en Galicia desde 1669… miren que non cambiaron os aires políticos, os costumes, as crenzas, o mundo… pois o próximo 2019 vanse cumprir os 350 anos daquel voto solemne, e todo este tempo o voto mantense, sendo tradición que os alcaldes se roten na presentación da Ofrenda, con libres alocucións para falar dos problemas, da fe, da actualidade ou do tempo, sendo respondidos pola autoridade eclesiástica (bispo ou arcebispo, por suposto) que proceda, que fai contrapunto relixioso á ofrenda civil.

A estas alturas do século e do milenio, habería que analizar que porcentaxe da celebración é relixiosa, que civil, e que mesmo política, porque é a única celebración de Galicia na que se fala dun reino, Antigo Reino, dando a entender que a dimensión deste pequeno país foi e segue a ser diferente da de calquera outro territorio, que fomos un reino que se resiste a morrer.

Teño dito ben veces que se eu fose alcalde nacionalista, apuntaríame de moi boa gana a esta celebración, para dicir catro cousas urbi et orbe, como o sistema permite, tendo en conta que a atención e difusión están garantidas.

Non opinan o mesmo os alcaldes galegos das mareas que parece ser que só aprecian dimensión relixiosa ao acto, e o tema máncaos, e non querendo participar nun acto da relixión católica, non acoden a esta celebración, corréndolles a quenda de ofrenda e parlamento oficial.

Estiveron presentes Mondoñedo, Lugo, Ourense, Tui e Betanzos. Faltaron A Coruña e Santiago… precisamente os representantes da Coruña, cidade considerada “Cabeza, guarda y llave del Reino de Galicia”, e de Santiago, capital espiritual de Occidente e, se algún día se cadra, a capital do Reino de Galicia.

En uso do seu libre albedrío, teñen dereito a faltar. Pero haberá moita xente que non o entenda. Eu, desde logo, non.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com