Lugo conmemora ás vítimas de accidentes de tráfico

Hoxe, Día Mundial en Recordo das Vítimas dos Accidentes de Tráfico, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto co presidente da Deputación, Darío Campos, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, oficiaron un minuto de silencio en lembranza e homenaxe ás vítimas que  se rexistraron nas estradas no último ano.

Entre os actos que se levaron a cabo este mediodía, houbo nunha concentración e a lectura dun manifesto diante da Xefatura Provincial de Tráfico baixo o lema Mortes que poden evitarseEsta data conmemórase dende hai doce anos, cando a Asemblea Xeral de Nacións Unidas invitou a todos os estados membros e á comunidade internacional a recoñecer o terceiro domingo de novembro como o Día Mundial en Recordo das Vítimas dos Accidentes de Tráfico, en homenaxe aos falecidos – 1,25 millóns de persoas ao ano en todo o mundo- e aos feridos nas estradas, e aos seus familiares.

Nos actos, participaron tamén representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e membros de asociacións de vítimas, coa intención de chamar a atención sobre a traxedia persoal e social que supoñen os sinistros de tráfico e avivar conciencias para estimular á sociedade na loita común contra esta problemática.

Ramón Carballo fixo un chamamento á responsabilidade e ao cumprimento das normas de circulación para evitar máis mortes nas estradas, xa que “todos estamos implicados no tráfico, sexa como condutores ou como peóns, e por iso debemos concienciarnos e adoptar comportamentos responsables se queremos frear a sinistralidade”. Lembrou que os accidentes de tráfico causan cada ano a morte “de preto de 1,25 millóns de persoas en todo o mundo” e as lesións causadas por estes sinistros son xa “a principal causa de defunción no grupo de idade de 15 a 29 anos”.

No que vai de ano, 15 persoas perderon a vida nas estradas da provincia de Lugo, 8 menos que no mesmo período do ano pasado. En todo 2016, o número de vítimas mortais nas vías interurbanas lucenses fora de 27. Ata o día de hoxe, na rede viaria de toda Galicia faleceron 69 persoas. O subdelegado explicou que con esta conmemoración non só se pretende lembrar ás vítimas senón tamén fomentar unha profunda reflexión social sobre esta realidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com