A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto con outros membros da Corporación Municipal, participaron nos actos organizados polo Concello para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e para reivindicar o seu papel na sociedade ao longo de todo o ano. A estas actividades tamén asistiron deputadas provinciais e representantes da Xunta, da Policía Local e da Garda Civil.
A xornada conmemorativa comezou ás 12:00 horas, diante da Casa Consistorial, coa lectura do manifesto á que nesta ocasión lle puxo voz Rosa Gullón, representante do coro Cantar Delas. O manifesto lembrou a todas as mulleres que no pasado loitaron pola liberdade e pola igualdade, que, hoxe en día, aínda, por desgraza, hai que seguir reivindicando. Así mesmo, Gullón solidarizábase coas mulleres en folga de fame en Sol, uníndose tamén a Folga Internacional da Mulleres, que se celebrou en todo o mundo.
Acto seguido, ás 12:30 horas, tivo lugar no Salón de Plenos o acto de entrega do premio Entre Mulleres, que todos os anos concede o Concello a unha destacada muller traballadora da cidade. Este ano a galardoada coa emblemática figura de María Castaña foi a luguesa Mar Castro, profesora universitaria, escritora e amante da comunicación e do protocolo. Méndez foi a encargada de entregarlle o galardón a Castro, á que lle agradeceu “ser de Lugo, ser muller e ser feminista”, e por riba de todo ser as tres cousas xuntas, “muller femenista comprometida coa túa terra e coas mulleres”.
Pola súa banda, a homenaxeada agradeceu a distinción, amosándose totalmente feliz e emocionada e “lembrando a todas as mulleres que forman parte da súa vida”. Ademais pediu para todas as mulleres compromiso e non felicitacións. Rematou o seu discurso amosándoselle orgullosa de ser de Lugo e de ser feminista.
“A máxima expresión da inxustiza é a desigualdade no amplo sentido da palabra”, asegurou Méndez e falou do feminismo coma un movemento que nace para combater as desigualdades entre mulleres e homes. “Hai moito avanzado, pero aínda hai moito que corrixir”; asevereu, ao tempo que agradeceu “o compromiso que, cada día máis, adopta a sociedade para conseguir a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres”.
Nesta liña tamén incidiu a Concelleira, quen lembrou a todas as mulleres asasinadas no que vai de ano pola violencia machista, 21, segundo estatísticas oficiais, un dos motivos que expuxo a edil para seguir conmemorando este día.
Outros actos reivindicativos
Esta tarde, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá a respresentación da obra Medea, Salvaxe?, a cargo de Palimoco Teatro, unha actuación enmarcada dentro da XVII Mostra de Teatro Clásico, organizada polo Concello. Ademais, este domingo, ás 12:00 horas, con saída da Praza Maior, celebrarase a XIV Marcha pola Igualdade, que recorrerá a Muralla. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, Cantar Delas ofrecerá un concerto no Museo Provincial, e xa en abril, a seguinte proba do Corre con Nós converterase en Corre con Elas o día 9.