Lugo conmemora o Día de Europa

O Concello de Lugo organizou esta mañá, con motivo do Día de Europa, e como cada ano polo 9 de maio, unha programación de actividades divulgativas co fin de achegarlle á veciñanza a realidade europea e poñer en valor a pertenza á Unión Europea. Os actos, impulsados polo centro de información europea municipal, Europe Direct, arrincaron coa lectura dun manifesto conmemorativo a cargo da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acto no que participaron membros da Corporación municipal, xunto ao Deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez. Posteriormente, procedeuse ao izado da bandeira da UE, ao tempo que soaba o himno
europeo.

O manifesto, ao que puxo voz Lara Méndez, chama á protección da idea de Europa, unha Europa que protexa á súa cidadanía; que siga ofrecendo paz e seguridade e para que volva a garantir prosperidade económica, benestar social e sostibilidade ambiental. Así mesmo fai fincapé nos retos globais, como por exemplo o cambio
climático, a erradicación da pobreza, a promoción do desenvolvemento sostible, a igualdade entre mulleres e homes, e na suma de forzas que ofrece a Unión Europea, co obxectivo de poñer ás persoas no centro. O documento tamén defensa unha Europa máis social, con creación de emprego, que loite contra a desigualdade, feminista, solidaria e verde.

No marco das actividades conmemorativas do Día de Europa, pola tarde, dende as 17:00 horas, o Vello Cárcere acolleu unha programación especialmente dedicada aos nenos e nenas de Lugo, con diversos xogos e actividades infantís, neste caso, de caracter divulgativo e de coñecemento da estratexia DUSI, denominada Muramiñae: da Muralla ao Miño, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Concretamente, os nenos e nenas poderán gozar co xogo da mariola, neste caso saltando nas liñas estratéxicas desta estratexia, así como un obradoiro de pintacaras e un taller de puzzles. Para este día, o Concello tamén convidou a Marco Topo, que agasallará o xogo Lugo Muramiñae aos cativos e cativas da festa.  Ás 18:30 horas, entregaranse os premios do Certame de debuxo, Descontaminación do Carme e ao longo da tarde haberá unha mesa informativa sobre o Día de Europa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com