O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, visitou esta mañá as actividades desenvolvidas no mercado municipal Quiroga Ballesteros no marco da campaña de información e concienciación O que se enchufa, recíclase; coa que colabora o Concello e que dota á cidade de maneira permanente de 7 colectores
para depositar residuos eléctricos e electrónicos en establecementos comerciais. A súa situación pode consultarse na web www.oqueseenchufareciclase.gal
Piñeiro subliñou que o Concello “está moi implicado con este tipo de campañas, que axudan a atallar o descoñecemento que aínda teñen moitas persoas sobre a reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos, que nalgúns casos poden ser perigosos”. De feito, engadiu, no novo contrato de limpeza viaria e recollida de lixo que o Goberno está preparando, “estudamos incluír a instalación de puntos móbiles na cidade para facilitar precisamente a recollida deste tipo de residuos”.
O que se enchufa, recíclase, levado a cabo pola Xunta de Galicia, ten unha duración de 9 meses e percorrerá 138 municipios galegos de máis de 4.000 habitantes. En cada municipio instálase un posto informativo no que un equipo de técnicos explicará á cidadanía distintas inquedanzas sobre a reciclaxe.