O Goberno Municipal vén de anunciar que, dende mañá, xoves, unha liña especial de Nadal comezará a circular entre Garabolos e Fontiñas, “para apoiar o comercio local e fomentar o transporte público”. O tenente de alcalde indicou que estas liñas circularán durante todos os días laborables do Nadal entre as 16:20 e as 20:35, saíndo dende Garabolos cara a avenida da Coruña. Continuará pola ronda da Muralla e Ramón Ferreiro, e baixará cara a avenida de Madrid. Continuará pola ronda Xosé Castiñeiras, parando no Conservatorio cara a Fontiñas. Seguirá pola praza Conde Fontao e subirá pola rúa Castelao cara a ronda da Muralla, onde volverá conectar coa avenida da Coruña ata Garabolos.
Con esta liña especial, a veciñanza da avenida da Coruña terá conexión co centro en bus urbano cada 10 minutos, mentres que a zona de Fontiñas terá transporte público cada 20. O tenente de alcalde animou á veciñanza a “utilizar o transporte público para achegarse ao pequeno comercio”.