O concelleiro de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo informou da última actuación que está a executar o Goberno avanzando na renovación da rede de alumeado público. O edil explicou que “con esta actuación avanzamos na mellora da rede de alumeado público da cidade e melloramos do mesmo xeito a imaxe desta zona”, e engadiu “avanzamos na instalación de alumeado LED de baixo consumo, que permite unha boa capacidade lumínica reducindo o consumo enerxético e as emisións de substancias contaminantes emitidas á atmosfera pola rede de alumeado público da cidade”.
A concellería de Infraestruturas renovou o alumeado público das rúas Virxe da Soidade, San Xosé, Tres Marías e Camiño de Romai. En total, instaláronse 15 luminarias de 30W e 7 de 15, o que mellorará a visibilidade da zona permitindo reducir o consumo eléctrico.
Desde a concellería de Infraestruturas continúase a investir na renovación da rede de alumeado, con distintos proxectos postos en funcionamento por toda a cidade, que se executarán durante o 2022. Nos últimos dous anos a área de Infraestruturas renovou o alumeado en múltiples zonas da cidade, instalando novas luminarias en rúas que non contaba con alumeado público, e reducindo a cantidade de luminarias con elementos contaminantes, como o vapor de sodio ou de mercurio instaladas na cidade.