O Concello de Lugo segue a buscar quen ocupe a dirección da Banda de Música Municipal, xa que o actual director, David Fiuza, atópase de excedencia.
Dende o Consistorio sinalan que levan meses tentando atopar un sustituto temporal, pero que a tarefa non lles está resultando doada. Pablo Permuy, responsable de recursos Humanos do Concello, sinalou que lle pediron ao outro aspirante presentado ao proceso selectivo, e que polo tanto figuraba nunha lista de candidatos á contratación, que aceptara o posto de sustituto, pero este rexeitou esta opción. “A continuación convocouse un proceso para a cobertura do posto, mediante Comisión de Servizos á que se presentaron varias solicitudes. Porén, só unha reunía todas as condicións xa que se requiría ser funcionario de carreira, mais esa persoa nunca acreditou a perceptiva autorización da Administración de orixe para poder incorporarse e o proceso culminou sen candidato”, explicou o concelleiro.
A tenenta de alcaldesa de Cultura, Maite Ferreiro, afirmou que o Concello segue a buscar unha alternativa e recalcou “a preocupación do Goberno local pola necesidade dunha dirección que todo o mundo quere para a Banda e a Escola Municipal de Música”.