Lugo debate en Croacia o modelo de xestión urbana de cidades amuralladas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asiste hoxe e mañá, a un congreso organizado pola UNESCO en Croacia, na cidade de Sibenik, sobre a xestión urbana de cidades amuralladas en Europa, ao que Lugo foi invitada por contar coa Muralla como Patrimonio da Humanidade.

Baixo o título Walled Cities, Open Societies, o obxectivo desta segunda edición das xornadas, nas que participarán representantes municipais, tanto políticos como técnicos, e da propia organización de Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, é intercambiar coñecementos co obxectivo de mellorar as capacidades das entidades locais para implantar modelos sostibles e inclusivos de desenvolvemento nas cidades históricas, nas que se garanta un equilibrio entre o crecemento socioeconómico e a conservación do patrimonio. Tamén se busca estreitar lazos  entre cidades con murallas ou fortificadas para posibles sinerxias e alianzas futuras.

A rexedora acudirá cunha técnica municipal do Servizo de Arquitectura ao congreso, que inclúe unha decea de poñencias e actividades. A idea de organizar este congreso naceu doutro encontro celebrado en xaneiro do ano pasado en Siena (Italia), no que 25 cidades de Europa, entre elas tamén Lugo, debateron sobre a xestión das zonas urbanas dentro de murallas históricas. Esta segunda edición busca avanzar neste eido.

Méndez subliñou que a participación neste encontro intégrase co modelo de cidade do Concello, pois expoñeranse experiencias e ferramentas creadas pola UNESCO para aumentar a sostibilidade das intervencións de planificación e deseño das cidades contribuíndo á mellora da habitabilidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com