Lugo debe 10,6M€ a empresas mentres dispón de máis de 20M€ en contas bancarias

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que a “nefasta” xestión económica dos socialistas á fronte do Concello segue a ocasionar numerosos problemas aos provedores e empresarios que lle prestan os seus servizos, xa que ao remate do segundo trimestre (30 de xuño) había 10.624.926,21€ pendentes de pago.

Antonio Ameijide desvelou esta mañá en rolda de prensa que, segundo o informe emitido pola tesoureira municipal, a 30 de xuño había 7.818 facturas sen pagar, por un importe que supera os 10.6M€ e todo a pesar de que nas contas bancarias municipais hai máis de 22.540.836,40€, o que pon de manifesto para os populares que “Lara Méndez non se preocupa polo benestar” dos empresarios e autónomos que prestan servizos ao Concello.

Das 7.818 facturas que hai pendentes de pago, 5.473 xa incumpren o prazo legal establecido para pagar as facturas, situando o período medio de pago pendente en 152,83 días. Antonio Ameijide pon de manifesto
que a tesoureira municipal explica no seu informe que algunhas destas facturas pendentes “tardan ata 365 días en obter conformidade”, unha cifra “que alonga os prazos de pagamento ata cotas inaceptables”.

A actuación en materia económica dos socialistas provoca “danos terribles” aos provedores . O voceiro popular reitera que “estamos ante un goberno de morosos” cunha xestión coa que demostran que “non teñen interese por pagar en tempo e forma” os traballos prestados por empresas e autónomos a este Concello, polo que condenan á cidade a “hibernar”.

O voceiro popular apoiase no informe da tesoureira municipal no que se asegura que “non existe un problema de liquidez nin imposibilidade financeira ningunha para poder afrontar os pagamentos municipais”. Un informe no que se engade que “os incumprimentos en materia da normativa de morosidade neste momento están a reflectir unha deficiente e lenta xestión interna na tramitación administrativa das facturas pero en ningún caso un problema financeiro”.

A tesoureira municipal engade que estes problemas se producen, entre outras causas, pola “ausencia de ferramentas informática e telemáticas que permitan a axilidade da tramitación interna electrónica”, algo que, segundo Antonio Ameijide, vén derivado de que o goberno de Lara Méndez “nada fixo” por implantar a administración electrónica no Concello de Lugo, o que provoca, segundo o informe de tesourería, que impide “tramitar nos prazos establecidos na normativa de morosidade as facturas que están pendentes así como as que entren por rexistro de entrada” o que desemboca no “abono de xuros de demora aos contratistas, o que xera un prexuízo económico” ás arcas do Concello de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com