O pleno do Concello de Lugo ven de aprobar este mediodía a moción da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e da Asociación Animalista Libera para declarar o municipio ‘libre de touradas’, co compromiso de que o goberno non subsidiará ou apoiará esta clase de eventos xamais, instando tamén á Xunta a derrogar a excepción legal que agora permite as corridas de touros na comunidade.
O texto, presentado polo grupo de goberno (PSOE) pon fin a unha campaña iniciada polos colectivos animalistas e abolicionistas que chegou a recoller preto de 15.000 sinaturas na plataforma de activismo dixital Change.org, contou cos votos positivos do propio Partido Socialista e dos grupos municipais de Lugonovo, BNG e Alternativa Cidadá de Esquerdas, mentres que o Partido Popular e os dous edís de Cidadáns abstivéronse, sumando 14 votos a favor e 11 abstencións. Deste xeito Lugo converteuse hoxe no municipio número 18 en dar soporte á aposta cidadá por unha Galicia libre de touradas, manifestando unha postura clara tamén contra o uso de medios e fondos de titularidade pública, nomeadamente municipal, para fornecer a un entramado tauromáquico rexeitado pola meirande parte da sociedade galega.
Na actualidade son dezaoito localidades e as deputacións da Coruña e Pontevedra as que teñen aprobado iniciativas para bloquear calquera subsidio ás touradas.