O Concello de Lugo amplía as súas instalacións deportivas coa apertura esta tarde dun skatepark que permitirá a práctica dos deportes urbanos de acción máis demandados, especialmente pola xente máis nova, e que está ubicado entre a rúa Veiga Grande e a avenida Fabio Paulo Máximo, ao carón entre outras dependencias deportivas municipais.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, procedeu a apertura desta área, “que integra diversos elementos que permitirán o seu uso tanto para debutantes como para usuarios avanzados xa que dispón de distintas superficies, plataformas e liñas de fluidez”. “Pensamos especialmente na mocidade, aínda que sabemos que estes deportes non teñen idade, porque non só é unha forma de manterse en forma, senón unha boa maneira de canalizar as enerxías de xeito saudable”, sostivo.
“O noso obxectivo foi dinamizar este espazo público para usuarios de deportes urbanos como o skateboard, o roller ou o BMX, dotando á cidade dunha instalación de primeira orde para a súa práctica divertida, pero tamén segura e responsable”, sostivo Lara Méndez.
Para animar a apertura, a área de Deportes programou unha sesión de baile da Escola de Danza Gravity e de música, amenizada por Salvador Ruído e os seus conectores, tres Dj locais. As piruetas nas novas instalacións fixéronse así ao son de música experimental así como de jazz, funk, punk rock e hip hop.