A corporación municipal, presidida pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, así como deputados provinciais, gardaron un minuto de silencio polas 31 vítimas e os 187 feridos dos atentados acontecidos onte en Bruxelas. A mostra de rexeitamento á barbarie terrorista tivo lugar este mércores ás 12:00 horas, na Praza Maior, ás portas da Casa Consistorial de Lugo. Ata a Praza Maior tamén se achegaron ao redor dunha vintena de lucenses para participar neste acto de repulsa.
Tanto o Concello como a Deputación manterán ata xoves as bandeiras a media hasta, en solidariedade coas vítimas deste atentado, cos seus familiares e co pobo belga.
Asemade, tamén a Subdelegación do Goberno en Lugo gardou un minuto de silencio diante do edificio da subdelegación e as súas bandeiras ondearán a media hasta ata as 24:00 horas de mañá xoves, 24 de marzo, como testemuña da dor ante eses criminais ataques.