A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, xunto a xestora de comunicación de Coca Cola, Gema Domínguez, a responsable de Emprego e Emprendemento da Fundación Mulleres, Estefanía Abelenda e o representante do Club Burela Fútbol Sala Femenino, Nando López Otero, presentaron hoxe a segunda edición do proxecto Xira Mulleres, unha iniciativa que se realiza por primeira vez en Lugo, de formación gratuíta e destinada ao xénero feminino, co fin de mellorar a súa empregabilidade ou a posta en marcha do seu negocio vinculado ao sector da alimentación e as bebidas.
Ana Prieto sinalou que “este proxecto, que se dirixe a mulleres de entre 23 a 60 anos, aborda unha ampla programación de capacitación enfocada a ofrecerlles a posibilidade de atopar unha oportunidade de desenvolvemento laboral, tanto no ámbito rural como urbano, a través de dous módulos diferenciados, un de emprendemento e outro de empregabilidade”.
Xira Mulleres, posto en marcha co impulso do Concello e a colaboración de Coca Cola e Fundación Mulleres e o impulso do Concello engloba os seguintes sectores de traballo e creación de posibles novos negocios: agrícola, alimentario, enerxético, industrial, hostalería, pequeno comercio, reciclaxe, distribución e loxística. Nesta liña, a edil fixo fincapé no compromiso do Goberno de Lugo coa igualdade real entre mulleres e homes en todos os ámbitos, “é un obxectivo no que traballamos de maneira transversal dende todas as áreas municipais, porque cremos que é fundamental e imprescindible para unha sociedades realmente democrática”.