Lugo lembrou este venres os 80 anos do axustizamento de Rafael de Vega. Fíxoo cunha ofrenda floral na rúa que leva o seu nome, en fronte ao monolito que lle rende homenaxe, xusto ás 18:00 horas, a mesma hora na que foi fusilado. Ao actos, organizados polo Concello, asistiron a Alcaldesa, Lara Méndez, así como diversos membros da Corporación Municipal, o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, familiares do homenaxeado e representantes da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Tras a lectura da sentenza de condena de De Vega, a rexedora incidiu no 21 de outubro, como “un dos días nos que se escribiu unha das páxinas máis negras da cidade de Lugo”, o fusilamente de Ramón García Núñez, Gobernador de Lugo, Anxo Pérez López, concelleiro da cidade, Perfecto Abelarias, secretario do Alcalde, José Ramón López, mestre, e Rafael de Vega, director do Hospital de Santa María.
“Quixemos render homenaxe ás súas mortes nesta rúa e diante do busto dun deles, porque render homenaxe ás vítimas do franquismo, é render homenaxe á democracia”, subliñou a Alcaldesa, ao tempo que facía fincapé neste acto como un xesto “para revivir e que non caia no esquecemento o noso pasado”.
Do mesmo xeito, Lara Méndez fixo un chamamento á responsabilidade de todas as institucións democráticas actuais, “para que sigamos con máis esforzo, recuperando a memoria histórica das vítimas da ditadura franquista. Só existe o que se visibiliza e somos os responsables, de que non caian no esquecemento”, asegurou a rexedora.